Obradoiro do avance dun libro

Redactado por: Marjukka Peltonen

O avance dun libro é un xeito de falar sobre un libro, abordar a túa propia experiencia de lectura e atraer outros lectores ao libro. Un avance pode facerse de moitos xeitos. O que teñen en común é unha narración en formato curto e multimedia: unha combinación de narración en vídeo e imaxe, texto, voz do narrador ou música.

O avance dun libro non é unha unha recensión do libro. O avance non é unha sinopse do argumento do libro, senón que conta só un pouco: algo fascinante sobre os acontecementos, o lugar dos feitos e o protagonista do libro. O avance do libro tamén di moito sobre o lector e sobre como el mesmo experimentou o libro.

O proxecto do avance dun libro pode combinarse con círculos de lectura.

O proxecto está relacionado cunha ampla gama de coñecementos, así como con lingua española e literatura. A multialfabetización, as habilidades en tecnoloxías da información e a comunicación, a produción pictórica e lingüística, o uso e a interpretación de diferentes textos, así como a comprensión e aplicación dos principios dos dereitos de autor forman parte dos obxectivos e contidos dos plans de estudos para todos os cursos e niveis de ensino. No proxecto, pode facerse traballo en equipo entre diferentes materias. Pode visitarse a biblioteca e colaborar con ela. No proxecto, tamén se revisarán os dereitos de autor e a súa aplicación na produción persoal.

Pode descargar esta guía en formato pdf aquí. Tamén pode imprimir as tarefas aquí.

Axeitado para: Primaria, ESO, Bacharelato, Formación Profesional

Duración: 4-6 clases. Antes de facer o avance do libro, os alumnos leran un libro da súa elección.

Obxectivos de aprendizaxe:

  • Estimular e animar os alumnos a familiarizarse con diferentes literaturas e tipos de literatura, e a compartir experiencias de lectura cos demais nunha contorna multimedia.
  • Animar o alumno a desenvolver a súa linguaxe e imaxinación a través da expresión pictórica e lingüística.
  • Estimular os alumnos a aproveitar distintos medios para producir e presentar a información e as ideas.
  • Guiar os alumnos para que produzan textos narrativos, descritivos e doutro tipo nunha contorna multimedia utilizando diferentes medios.
  • Aprender a entender os dereitos de autor e a actuar respectándoos.
  • Aprender a usar diversos dispositivos e aplicacións, e fomentar as habilidades de interacción e traballo en equipo.

Realización do obradoiro

Programación do proxecto do avance dun libro

Antes do proxecto do avance, organizáranse círculos de lectura e léronse libros en común en pequenos grupos. Como material para o avance, é aconsellable elixir libros que non sexan demasiado coñecidos e que non crearan xa o seu propio mundo de imaxes.

Clase 1. Presentación da idea do avance do libro. Exemplos de avances de libros xa feitos.

Clase 2. Busca de imaxes. Familiarizarse cos dereitos de autor e as boas prácticas para o uso de imaxes.

Clase 3. Obradoiro de texto.

Clase 4. Montaxe do avance do libro.

Clase 5. Música e últimos retoques.

Clase 6. Estrea do avance do libro.

Avance do libro e dereitos de autor

O avance do libro farase respectando os dereitos de autor:

  • As citas directas do libro destacaranse claramente.
  • No avance, usaranse imaxes e música respectando os dereitos de autor, utilizando imaxes e música de creación propia ou con licenza Creative Commons, ou obtendo os permisos necesarios.
  • Todos os autores/alumnos darán permiso para usar as imaxes e a música feitas por eles.
  • Todos os autores/alumnos darán permiso para publicar o avance do libro e estarán satisfeitos co resultado final.

Ao facer os avances, falarase dos dereitos de autor. Que significan os dereitos de autor? Para quen se xeran? Como poden engadirse imaxes e música a un traballo propio? Que se permite citar?O resumo para o proxecto do avance dun libro pode imprimirse desde a máquina de resumos que se atopa na páxina web da Aula do Dereito de Autor. Aproveite tamén os xogos para os diferentes niveis de ensino e os exemplos para citar as fontes.

Resumo dun proxecto

Máquina de resumos da Aula do Dereito de Autor

Antes de comezar o traballo propiamente dicho, pensar en como se queren presentar e publicar os avances dos libros. Dependendo da elección, que tipo de material pode usarse nos avances.

Ilustracións do avance do libro

Como ilustracións do avance, poden usarse imaxes libres de dereitos ou aquelas que nos autorizaran a utilizar. Tamén é divertido crear imaxes persoalmente, mais adoita ser preciso enfrontarse aos contratempos asociados coa estación do ano e o lugar.

É importante valorar se é de aplicación o límite de cita ou consultar á entidade de xestión correspondente.

No caso de imaxes e fotografías, a entidade de xestión á que se pode pedir autorización é VEGAP. A busca de imaxes e a comprobación dos dereitos de uso é, ao tempo, un excelente exercicio de busca de información e de dereitos de autor.

Se o avance do libro se comparte en Internet:

  • As imaxes utilizadas no avance serán de creación propia ou cunha licenza Creative Commons.
  • As ilustracións do libro non se usarán no avance sen pedir permiso á editorial/ilustrador.
  • Tamén se pode consultar na entidade de xestión correspondente, no caso das ilustracións é VEGAP e a entidade de xestión que representa editores de libros é CEDRO.

A busca de imaxes comezarase pensando nas palabras clave adecuadas. As ilustracións do avance constarán de varias ilustracións.

CONSELLOS PARA UNHA CHOIVA DE IDEAS DE ILUSTRACIÓNS

  • Fai unha listaxe de persoas, lugares, diferentes cousas que che veñan á mente sobre o libro. Con que palabras describirías o ambiente do libro?
  • Converte as persoas e lugares da túa listaxe en palabras clave que funcionen. Non busques polo nome, atopa unha palabra clave que describa como é a túa persoa ou lugar.

P. ex.: o profesor Dumbledore: vello, barba, mago; Hogwarts: castelo vello.

  • Precisa ou amplía as túas palabras clave segundo o éxito da busca.

P. ex.: coche vello: unha marca de automóbil determinada; aves exóticas: papagaio, avestruz.

  • Elixe unhas 10 palabras da túa listaxe das que che gustaría tomar fotos para o teu avance. É aconsellable pensar en ideas de fotos adicionais porque o máis probable é que non atopes todas as imaxes que desexas.
  • Como exemplo, listaxe de imaxes da novela policial Hopeapoika de Kristina Ohlsson:

torre de auga antiga, pegadas na neve, cidade pequena en inverno, buque de carga, pequeno porto en inverno, restaurante, home anoxado, cáliz de prata, xornal antigo, espello vello, reflexo nun espello, rostro nunha xanela, cuarto escuro

Fontes de imaxes

En lugar de buscar cun buscador (Google, etc.), unha solución boa e segura consiste en buscar imaxes de servizos en liña onde as condicións de uso das imaxes se indiquen claramente e no mesmo lugar xunto a cada imaxe. Flickr funciona ben se os alumnos saben buscar en inglés. A busca de Pixabay tamén funciona en español.

Gardarase a fonte de todas as imaxes. Podes

a) gardar todo o enderezo da imaxe copiada ou

b) facer unha captura de pantalla da imaxe de xeito que sexan visibles os datos do autor da imaxe.

Os exemplos para citar as fontes para os diferentes niveis de ensino atópanse nos materiais para o profesor da Aula do do Dereito de Autor.

Exemplos para citar as fontes de 3.º-4.º de ESO

Copiar o enderezo web exacto dunha imaxe é a única forma permitida cando se buscan imaxes mediante a busca de imaxes do buscador. Nun servizo de imaxes como Pixabay, o dereito de acceso ás imaxes é gratuíto e como datos da fonte da imaxe do avance basta con indicar o enderezo do servizo de imaxes. Se a imaxe se comparte baixo unha licenza CC (Creative Commons), a licenza CC utilizada sempre deberá mencionarse tamén xunto á imaxe. Por exemplo, Imaxe: Nome do autor, fonte, CC-BY. A busca de imaxes é complicada!

Lembra que o avance dun libro non consiste só en imaxes. Algunhas das imaxes non se atoparán; podes describir esas cousas no texto. A música de fondo pode cambiar o ambiente dunha imaxe por completo.

Textos do avance do libro

O obxectivo da combinación de imaxes e textos no avance do libro é que a narración sexa interesante. Se sempre se conta a mesma historia tanto na imaxe como no texto, o resultado final é aburrido.

CONSELLOS PARA ESCRIBIR OS TEXTOS DO AVANCE DO LIBRO

Método 1. A historia en cinco frases

O exercicio axuda a contar a historia do libro de xeito que non se condense toda a historia do libro, senón que o lector elixe unha pasaxe fascinante. O máis difícil de facer un avance adoita ser o feito de non contar demasiado. O avance dun libro non é unha sinopse do argumento do libro nin sequera de todos os acontecementos do comezo.

Elixe unha pasaxe interesante ou emocionante do libro. Escribe unha historia desta pasaxe en cinco frases.

  1. Na primeira oración, describe o lugar dos feitos e o seu ambiente.
  2. Na segunda oración, o personaxe principal/alguén que apareza no libro. Comeza a frase co nome da persoa e conta o que fai.
  3. Na terceira oración, sucede algo que cambia o ambiente/o curso dos acontecementos/algo decisivo ou transcendental.
  4. Na cuarta oración, volve describir o lugar dos feitos e conta como cambiou o ambiente.
  5. Na quinta oración, describe a reacción do protagonista ou conta o que fai o protagonista na situación.

Está ben se o que xusto está sucedendo na túa historia queda completamente inacabado.

Proposta de texto a modo de exemplo para o avance do libro da novela policial Hopeapoika de Kristina Ohlsson: O soto da antiga torre de auga estaba escuro. Aladdin está buscando os panos de mesa que a súa nai precisa para o restaurante. Xusto cando Aladdin atopa o que buscaba, soa un ruído na porta. Entrou alguén máis no soto? Aladdin non se atreve a xirarse, mais mira de esguello o espello que ten diante.

Método 2. Resto de palabras

Despois de buscar as imaxes, quedan palabras na listaxe para as que non se atopou ningunha imaxe. Pensa cinco frases nas que uses esas palabras que sobraron. As palabras illadas tamén funcionan ben como texto dun avance.

Montaxe do avance

Despois de buscar as imaxes e pensar os textos, é hora de montar o avance a partir do material. Ao montar o avance do libro, conseguirase facer unha narración de vídeo simple e sinxela. Elixe unha aplicación de edición que tamén ofreza ferramentas versátiles para facer cadros de texto ou imaxes de fondo.

Se sucede que despois de buscar as imaxes, pásase xa directamente a montar o avance e pensar os textos ao mesmo tempo, é fácil que os textos reproduzan a historia das imaxes. Existe o perigo de que a narrativa do avance se faga aburrida.

Consellos de aplicacións:

Consellos de aplicacións para dispositivos iOS: iMovie adoita ser coñecido. Splice é unha boa opción porque funciona ben para facer cadros de texto ou imaxes de fondo.

En ordenador, é aconsellable probar, por exemplo, o editor baseado no navegador de Adobe, Spark. Spark esixe iniciar sesión coas claves de Adobe.

Consellos de aplicacións para dispositivos Android: FilmoraGo, VideoShow

Música do avance

Cal é o ambiente do libro? Ateigado de aventuras, triste, con moito suspense, desacougante, acolledor? Fai unha listaxe de palabras que describan o ambiente do libro antes de buscar ou compor a música. Coa música, podes incluso cambiar por completo o ambiente do teu avance e a tonalidade das imaxes que atoparas.

A música do tráiler do libro é máis deleitable se a fai un mesmo.

Bibliotecas de música dos editores

Nas bibliotecas de música dos editores, hai música xa lista. Se a biblioteca de música do editor é reducida, é fácil que a música acabe por soar manida. Comproba detidamente os dereitos de uso nas condicións de uso ou de licenza do editor ou a biblioteca de música.

«Música libre de dereitos»

Coa palabra clave «música libre de dereitos» atópase unha ampla variedade de material en Internet. A transferencia de arquivos de música é un desafío. A gravación dun dispositivo a outro funciona como axuda de emerxencia cando non existen requisitos de alta calidade para o uso final.

AUTORIZACIÓNS

Para utilizar música no teu vídeo, con carácter xeral vas precisar autorización do titular de dereitos. As entidades que dan estas licenzas, en función do caso, son SGAE, SEDA e AIE.  Tamén podes consultar na entidade de xestión de dereitos de propiedade intelectual correspondente. SGAE, por exemplo, ofrece licenzas para o uso de música en curtas ou páxinas web.

Imaxe final do avance do libro

O título do libro non se revela ata a imaxe final. Fai unha foto da cuberta do libro de xeito que inclúa algúns accesorios e decoracións. Inspírate na cuberta do libro para facer unha foto nova. Deste xeito, non infrinxes os dereitos do autor da cuberta do libro, senón que creas a túa propia obra ilustrada na que se inclúe o libro.

Escribe os datos do autor xunto ao libro: o nome do escritor e o nome do libro, así como os nomes dos autores do avance do libro no formato que escollades.

Créditos de peche

Os créditos de peche inclúen os datos do autor e das fontes de todas as imaxes e música utilizadas no avance.

Estrea

Se a técnica funciona, lémbrase aos alumnos que respecten o traballo dos outros e ofrezan bos comentarios. Todo traballo merece un aplauso. Despois dos avances, é recomendable preguntar se estes espertaron interese por ler máis.

Publicación

Se quere publicar os avances de libros en Internet, debe pórse de acordo para publicalos con todos os autores do avance e comprobar que ten en regra todos os permisos precisos (imaxes, música, autores) para publicalos. Teñan en conta que, para publicar o traballo de menores de idade en Internet, sempre se precisa tamén o permiso dos titores.

A publicación tamén pode facerse só na súa clase ou na rede pechada da escola entre a súa clase.