Historia

MISTERIO NO MUSEO

(escrito por Tuutikki Tolonen)

No Museo da Aula do Dereito de Autor, inaugurouse unha exposición de películas antigas. Convidaron a clase de Ana e Xosué a ver un espectáculo no museo. Porén, cando chegan, atopan un coche de policía diante do museo. Que pasou?

A clase entra indecisa ao museo. No vestíbulo, unha guía do museo, inquieta, está dando explicacións a un axente de policía: —Roubaron todas as cintas de películas antigas! Un ladrón roubounas da caixa que estaba xunto á porta de atrás mentres eu levaba cadeiras ao auditorio.

—Imos botar unha ollada a esa caixa —suxire o policía.

A guía e o policía desaparecen cara á porta de atrás.

—Que imos facer agora? —pregunta Iris á profesora.
—Deberiamos volver á clase? —continúa Mario.

A profesora mira pensativa.
—Imos agardar un anaco. Se cadra atopan as cintas das películas. Levade os abrigos ao roupeiro e volvede aquí.

No roupeiro, Ana atopa unha sorpresa. Hai un papagaio sentado no colgadoiro!

—Vaia, mira! Pregúntome se leva aí sentado moito tempo —dille Ana a Xosué.

Xosué mira ao papagaio e di:
—Aposto a que é a única testemuña do roubo. É unha mágoa que non poida contárnolo.

O papagaio mira aos nenos cos seus pequenos ollos negros brillantes.
—Se cadra, podo —murmura, de súpeto, con voz rouca.
—Que? —exclaman Ana e Xosué—. Podes falar?
—Que vos parece? —responde o loro.

—Vale, quen levou as cintas? —pregunta Xosué.
—Información por información, unha resposta por unha resposta —di o papagaio grallando.
—Iso que significa? —pregunta Ana.

O papagaio mira fixamente a Ana e contesta:
—Son o papagaio dos dereitos de autor.

Eu pregunto e vós respondedes. Se a vosa resposta é correcta, recibiredes unha letra. As letras diranvos quen roubou as cintas.

Case toda a clase está arremuiñada arredor do papagaio. Os nenos míranse.
—De acordo. Dános a primeira tarefa! —di Xosué.