O prazo de protección determina a duración dos dereitos de autor. Unha vez vencido o período de protección, a obra pode usarse libremente sen ningún tipo de permiso, aínda que sempre se ten que indicar o nome do autor da obra.
O prazo de protección das obras orixinarias do Espazo Económico Europeo (EEE) é a vida do autor + 70 anos desde o final do ano do seu falecemento. Ademais, en España, para aqueles autores falecidos antes do 7 de decembro de 1987, o prazo de protección será de 80 anos.
Os dereitos de explotación das obras anónimas ou pseudónimas durarán setenta anos desde a súa divulgación lícita, salvo que se coñeza quen é o autor, en cuxo caso se terá en conta a data do seu falecemento.
No caso das obras en colaboración, incluíndo as obras cinematográficas ou audiovisuais, durarán toda a vida dos coautores e setenta anos desde a morte ou declaración de falecemento do último coautor supervivente. No caso das composicións musicais con letra, os dereitos de explotación durarán toda a vida do autor da letra e do autor da composición musical e setenta anos desde a morte ou declaración de falecemento do último supervivente, sempre que as súas contribucións fosen creadas especificamente para a respectiva composición musical con letra.
O prazo de protección das obras fotográficas é durante a vida do autor + 70 anos desde o final do ano do seu falecemento.
O prazo de protección das meras fotografías é de 25 anos desde que se tomaron. No caso de obras divulgadas por partes, volumes, entregas ou fascículos, que non sexan independentes e cuxo prazo de protección comece a transcorrer cando a obra fora divulgada de xeito lícito, o devandito prazo computarase por separado para cada elemento.
O prazo de protección dos dereitos conexos depende de cada caso concreto. Todos os prazos de protección computaranse desde o día 1 de xaneiro do ano seguinte ao da morte ou declaración de falecemento do autor ou da divulgación lícita, publicación ou realización, segundo proceda.
Lei de Propiedade Intelectual Art. 26 e 30.